jueves, 21 de marzo de 2013

PAGO DA DPO EN TRAGSA MENTRES SE PERDEN POSTOS DE TRABALLO E SE REDUCEN SALARIOS


CC.OO. no Grupo Tragsa en Galicia denuncia que mentres neste Grupo Público estase a destruír emprego e reducir salarios, a Dirección da Empresa nomea novos directivos e reparte entre o organigrama a paga por obxectivos.

Durante o último ano, case 200 persoas perderon os seus postos de traballo no Grupo Tragsa en Galicia, o que supón unha caída dun 19% do emprego. A pesar diso, hai poucos días que o persoal de organigrama recibiu a paga por obxectivos con cargo ao 2012.

A situación é aínda máis grave se temos en conta que se está a producir novos nomeamentos de directivos incrementando o organigrama da empresa mentres que os traballadores de Tragsa e de Tragsatec viron reducidos os seus salarios pola aplicación do RD 20/2012. Isto provocou que CC.OO. no Grupo Tragsa interpuxera as correspondentes demandas de conflito colectivo contra unha medida que consideran ilegal.

Grazas a esta redución salarial, o Grupo Tragsa puido pechar o 2012 con beneficios, pero as previsións para o 2013 é de perdas de varios millóns de euros.

Para salvar a situación, a empresa pretende plantexar propostas de flexibilidade interna e, se é necesario, de flexibilidade externa, o que suporía máis perda de postos de traballo en Galicia e no conxunto da empresa.

Dende CC.OO. no Grupo Tragsa consideramos unha aberración e un insulto que se reparta esta paga por uns obxectivos alcanzados, en gran medida, grazas á redución salarial do conxunto dos traballadores mentres se nomean novos xefes soportados por unha base produtiva cada vez máis pequena e se traslada á plantilla mensaxes de dificultade económica e de necesidades de recortes e aforro.

Non aceptaremos ningunha medida traumática que afecte á plantilla do Grupo Tragsa e esiximos que os recortes e aforro se apliquen en primeira instancia sobre os Directivos do Grupo.

No hay comentarios: