miércoles, 24 de abril de 2013

NOVOS DESPEDIMENTOS EN TRAGSATEC OURENSE


A pasada semana, representantes da Dirección informaron ao Comité de Empresa de Ourense que a finais de este mes de abril despedirían a 11 compañeiros e compañeiras con varios anos de experiencia en Tragsatec.

Inmediatamente, o Comité de Empresa tratou de abrir negociacións coa Dirección enviando o seguinte escrito ao Delegado Autonómico:


“Ourense, 18 de abril de 2013

A/A Delegado Autonómico Grupo Tragsa, César Aja Mariño.

Estimado César,

Pola presente o Comité de Empresa Provincial de Tragsatec Ourense, quere manifestar o seu mais absoluto rexeitamento fronte as medidas adoptadas pola empresa de despedimento de 11 compañeiros e compañeiras de Tragsatec Ourense e que se levarán a cabo a finais do presente mes de abril.

Ata o momento, tódalas decisións da dirección para tratar de contrarrestar a constante perda de carga de traballo, centráronse sobre a parte mais vulnerable da empresa aniquilando a parte produtiva desta. É revelador que dende o 2010, o 38% da caída da produción fora compensado coa redución do 37% do emprego medio, mentres que os postos de organigrama, lonxe de reducírense, se incrementan.

É claro o obxectivo deste Comité de Empresa e das Seccións Sindicais en el representadas, o mudar esta política de austericidio que consideramos suicida xa que pon en perigo o futuro e a viabilidade da empresa.

É por iso que solicitamos á empresa a inmediata apertura dun período de negociación que trate de buscar medidas alternativas e menos traumáticas que a destrución de emprego.

De non recibir resposta a este escrito nun prazo máximo de dous días, este Comité de Empresa entenderá que se declina o ofrecemento e porá en marcha tódalas medidas xudiciais e de acción sindical que considere oportunas de cara a defensa efectiva dos dereitos dos nosos compañeiros e representados.

Sen outro particular, recibe un cordial saúdo,

Yolanda Vázquez Cid
Presidenta do Comité de Empresa.”


A día de hoxe, o Comité de Empresa non recibiu ningunha resposta por parte da dirección, o que demostra a absoluta falta de intención de dialogar coa Representación dos Traballadores para tratar de buscar solucións conxuntas.

Isto provocará, sen ningunha dúbida e como xa ocorreu en outras situacións como os despedimentos do persoal de Capitanías Marítimas, un incremento da conflitividade laboral e que varios dos afectados e afectadas acudan á vía xudicial.

Dende esta Sección Sindical ofrecemos todo o noso apoio aos compañeiros e compañeiras de Tragsatec Ourense e poñémonos a súa disposición para o que poidan necesitar.

No hay comentarios: