lunes, 26 de noviembre de 2012

TRAGSATEC GALICIA. SEGUEN AS MANIFESTACIÓNS

No pasado mes outubro tivemos a última reunión coa dirección da empresa na que mostramos a nosa disconformidade cos despedimentos de compañeiros con varios anos de experiencia  producidos na nosa delegación.

Puxemos de manifesto que os axustes que se están a facer para compensar a perda de encargos e a baixada de produción, estanse a focalizar exclusivamente nos traballadores de base da empresa, mentres que non se está a plantexar ningunha clase de reestruturación e de aforro no organigrama. Moi pola contra, observamos estupefactos os inexplicables e inexplicados nomeamentos de novos postos que adquiren a condición de intocables.

¿Onde está a Lei de Transparencia?. Os salarios de Subdirectores, Directores, Delegados Provinciais e Autonómicos, Secretaría Xeral, Presidente... deben ser públicos. Sabemos canto cobra o Presidente do Goberno, pero non podemos saber canto cobra o Presidente do Grupo Tragsa. ¿Quen entende isto?

A empresa négase a facilitar este información. Reafírmanse na súa política de despedimentos e de mantemento de organigrama e seguen a manter os salarios dos directivos como información non pública a pesar de que son aboados con capital público.

Estamos convencidos de que a aplicación en exclusiva de medidas de recortes non é solución a esta situación. Se a empresa é capaz de manter e ampliar o organigrama, debe ser capaz de manter, por necesidade, os postos de traballo de todos. Para iso, é necesario que se recuperen antigos clientes e que se busquen novas liñas de negocio. É necesaria a elaboración participativa entre traballadores e dirección dun Plan Comercial.

O martes 13 de novembro, tal e como se acordara no pleno do Comité de Empresa e entre as tres forzas sindicais, os delegados sindicais de Tragsatec Galicia manifestámonos na porta da Delegación en Santiago, dando comezo así a unha acción sindical máis combativa.

Os delegados Sindicais de CC.OO. repetiremos as manifestacións nos centros de traballo que Tragsatec ten en Lugo, Ourense e Pontevedra en horario de 11:00 a 12:00 e co seguinte calendario:

Lugo: 28 de novembro. C/ Salmón, 8-10 entlo. Edificio África.
Ourense: 12 de decembro. C/ Coruña, 28 Bajo
Pontevedra: 17 de decembro. Avda. Juan Carlos I, Nº 6-8

Convidamos e animamos a que os que queirades participar activamente, dediquedes os vosos 20 minutos de café a acompañarnos.

XUNTOS TEMOS MÁIS FORZA.

POLA DEFENSA DOS NOSOS SALARIOS E DEREITOS
POLA DEFENSA DUN TRABALLO DIGNO E DE CALIDADE
POLA DEFENSA DAS EMPRESAS PÚBLICAS